O 15 de xuño, a sede da Asociación de Industrias do Metal e Tecnoloxías Asociadas de Galicia (Asime), en Vigo, acolleu unha xornada de presentación de cinco proxectos do Centro de Investigación en Tecnoloxías, Enerxía e Procesos Industriais (CINTECX). Estes están incluidos na convocatoria actual de Proxectos NEXOS, impulsada pola Axencia Galega de Innovación (GAIN) en cofinanciamento coa Unión Europea, dos que forma parte CUBia.
Das comunidades investigadora e empresarial de I+D+i en Galicia, estiveron presentes Jacobo Porteiro, José Luis Míguez, Ángeles Sanromán, Marta Pazos e Pedro Arias, vinculados ao CINTECX. As propostas que protagonizaron o encontro son desenvolvidas polo departamento universitario de forma estratificada nos grupos “Tecnoloxía Enerxética” (GTE), “Geotecnoloxías Aplicadas” (GEOTECH) e “Bioenxeñaría e Procesos Sostibles” (BIOSUV).
CUBia, integrado no de ámbito territorial, foi presentado por Alberto López Amoedo (Asefor) como unha proposta pioneira para a optimización de inventarios e recursos forestais a partir do procesamento con cubicación forestal mediante tecnoloxías de captura móbil ou Light Detection and Ranging (LiDAR). O enxeñeiro forestal fixo especial fincapé na redución de custos e na mellora de precisión que sostén o novo sistema.
Xunto a este atópanse ACUIVAC, que estuda a automatización da vacinación do rodaballo mediante sistemas robotizados con visión e intelixencia artificiais, e BIOLIN, que contempla a xestión de biomasa en áreas de infraestruturas como as redes enerxéticas, as vías ferroviarias ou as estradas.
Relativos a sistemas enerxéticos, TRANET propón o aproveitamento da calor residual de diferentes procesos industriais mediante o seu almacenamento en sales fundidos para a súa reutilización. Relacionado coas emisións no sector do transporte, OptiNav Hybrid TwinCruise céntrase na mellora de eficiencia en buques mediante xemelgos dixitais e sistemas de control preditivo.
Juan Carlos Porrúa, director do Departamento de Xestión de Axudas da institución galega, interveu subliñando o obxectivo das axudas para o fomento da cooperación entre tecido empresarial e diferentes axentes público-privados do coñecemento. Porrúa apuntou a dependencia do crecemento sostible para a industria galega na transferencia tecnolóxica, na xeración de capacidades innovadoras e no desenvolvemento de proxectos emerxentes.